O RELOXO DA VILA DE CEA E A SÚA TORRE
A vila de San Cristovo de Cea ten unha esvelta torre no centro da súa praza maior. E nela un reloxo con catro esferas con un campanil de remate. As badaladas das súas campás son familiares á xente da vila que as ouvíu desde que naceu1. Non hai ninguén en Cea que nacera denantes de que o benquerido son do reloxo dera en comezar o seu traballo pois xa o escoitaron os pais dos avós e bisavós nos anos finais do século XIX.
Coido que un dos primeiros en ter escrito da torre foi don Vicente Risco, quen, cando escribiu o seu libro sobre a provincia de Ourense para a obra Geografía General del Reino de Galicia, dirixida por Francisco Carreras e Candi na segunda metade da década dos anos vinte do pasado século, cadroulle no intre de facela. Así se pode constatar a partires das súas palabras: “En el centro de la plaza están construyendo una alta torre aislada de granito, en cuyo bajo se instalará una fuente y en la cúspide el reloj municipal”. E engadía a continuación dous preciosos datos, un deles de tipo económico, sendo o outro unha apreciación estética: “Sin ser una obra de arte es de cierto gusto, y cuando la piedra haya adquirido la tonalidad severa que tiene el país, hará buen efecto. El coste de esta obra es de 15 mil pesetas”.
ANTÓN FAÍLDE
Houbo que agardar ata que outro escritor, don Ángel Sevillano, que pasaba as tempadas do tempo de verán na súa casa do Cruce, preto dos pobos de abaixo da parroquia, a incluíse nun dos seus libros, Historias do canizo, editado o ano 1979. Este ilustre veciño a tempo parcial fixo algunhas valoracións dela. Así, deixou escrito que na torre traballou o grande escultor Antonio Faílde, cando era aínda novo, artista que morría inxustamente o ano no que vía a luz esta obra . O sr. Sevillano da a noticia que mentres traballa nela “ paraba (lémbrome ben) na casa do Patricio”. É, pois, a primeira testemuña del aquí, podendo gabarse Cea de ter unha das súas mellores obras:os Evanxelistas do novo cemiterio.
O escrito por Risco espertou en min os anceios de coñecer máis cousas da torre e o libro de Sevillano viña a pincharme e darme un empurrón. E despois dunha ardua rebusca na Casa do Concello -fai xa delo máis de vinte anos-, nos vellos libros de Actas dos anos en que Vicente Risco escribira, atopeinos. O resumo, para non facerlles agardar moito é como sigue:
A TORRE
O autor do proxecto da singular fonte - campanil foron feitos polo arquitecto de Ourense Manuel Conde Fidalgo, quen levou a subasta da obra por 10.500 pesetas, o 19 do mes de agosto de 1926. No mes de santos deste ano o Concello libra unha partida de 3.000 pesetas ao contratista Manuel Suárez Castro, tamén de Ourense, sinal evidente de que as obras estaban a iniciarse.
O ano seguinte hai unha alteración do plan orixinal, decidindo entón darlle outro corpo. Foi o Alcalde D. José María González Fernández quen levou as xestións; e contra finais deste ano de 1927, polo mes de setembro, xa se fala do contrato con Severino Fernández, de Ourense. Este debe facer os traballos de reforma do campanil pois ata daquela estaba nunha pequena torre que sobresaía dos tellados da casa consistorial, sita como hoxe en día na fronte Sur da praza.
As obras marchan como poden, dándose podéndose dar por concluídas no ano de 1928. |
 |
A torre resultante ten dous corpos, co inferior de planta cadrada, sendo o superior moito máis pequeno e de estructura octogonal. Nel se aloxa o reloxo e a campá. Finaliza no campanil de ferro,coa campá, e ten por remate una airosa forma piramidal con pináculos nos extremos da base e unha bola no cumio. O gran corpo de base se dispón pola súa banda tamén en tres alturas: sobre os angulares pés érguense os arcos apuntados, que lle dan o seu ser. Encima, no nivel superior hai grandes arcos de medio punto, e sobre eles van fiestras rectangulares. Nos ángulos, bloques almofadillados danlle co reforzo un estilo poderoso, como si dun castelo se tratase. Os vanos, de abaixo cara arriba, van |
| A Torre do Roloxo a día de hoxe |
|
|
diminuíndo en anchura para facerse máis estreitos. A pedra, coidadosamente labrada e asentada, o amplo aleiro ou cornixa, os dous tipos de pináculos..., todo configura o acerto dun monumento levantado con orgullo e desexos de simbolismo heráldico dunha vila que quería transformarse nestes singulares anos do reinado do Rei Borbón D. Alfonso XIII nos que quen mandaba era o Xeneral Miguel Primo de Rivera.
O RELOXO
Rematadas as obras de cantería se procede ao traslado do reloxo desde a vella torre do concello ata a nova e sobranceira torre da vila. O mestre Javier Álvarez González, de Vigo, supervisou o proceso e instalouno finalmente.
A campá leva unha triple inscrición. A primeira é cronolóxica: “Ano de 1888”, polo que o próximo ano cumprirase 120 anos daquelo.A segunda é de tipo relixioso: “JHS-María-José”; sendo a que falta a da casa que contratou a campá e o reloxo: unha sociedade hispano - portuguesa con sede en Madrid: “Canseco y Leao / Compañía Alianza / Hispano Portuguesa / Madrid”. |