| UNHA BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL II |
Continuamos este percorrido básico polas terras do concello, pasando agora a facer uns itinerarios polo mesmo fixándonos no máis salientable da arte e monumentos. Para elo o dividiremos en cinco.
Primeiro itinerario:
 |
Ante todo Cea, vila e capital do municipio, centro comercial e de servizos. Grupo escolar, Centro de ensino secundario, Centro de saúde, Complexo deportivo, e instalacións deportivas para o fútbol no campo de "O Lodairo" e no Pavillón, que co a piscina completa a oferta. Importantes casas, como a dos Guerra –ou a do Pesador, do século XIX, recentemente desaparecida na praza maior-, con chemineas de cantería e artísticos canzorros, a torre campanil -fonte (1926-1928), obra de Conde Fidalgo; o santuario neogótico da Saleta (1908), con importante romaría en setembro; a fonte monumental de 1867 -noutrora na praza maior-, os fornos de "A Cebola", "Do Abade", "Da Eira", entre outros, base do celebrado pan de Cea "poia", tradicionalmente amasado por "panadeiras", nun paseo pola vila que debe levar ata o da “Parapeta” (ruína) e o “Do Lodairo”, reconvertido en apresurado museo etnográfico do pan. O "Da Capela", a carón da capela do Santo Cristo desapareceu co progreso, ó igual esta, obra de finais do século XVIII. Agora hai unha praza urbana de pavimento de cores lateríticas e unha estatua que semella un Cristo (Acisclo Manzano, bronce). |
|
Segundo itinerario B (cara ao norte do concello):
1.- pola estrada de Oseira que atravesa terras do Concello de Piñor, a ermida de A Ventela, que foi da Abadía de Oseira, con retablo do século XVIII e unha pétrea imaxe gótica da Virxe. Desde aquí parte o vello camiño que bordea a cerca do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, no que hai un cruceiro, e chega ata Casledo, onde se pasa a carón doutro vello cruceiro, unha sobranceira obra da segunda metade do século XVI. Atravesando a ponte chegamos ó lugar, desde o que se entra no monumento por excelencia do concello. Á esquerda do arco de enreda Museo Etnográfico Liste, un dos mellores de Galiza, hoxe en proceso de deslocación cara Vigo e Pontevedra. Oseira é monumento nacional, que se inicia na segunda metade do século XII, con igrexa concluída a finais do primeiro terzo do seguinte, obra románico- gótica de peregrinación, con cúpula do monxe Ferrán Martínez (1282). A sancristía, o vello Capítulo baixo (das Palmeiras", a escaleira dos Bispos, e o patio dos Pináculos son obras dos séculos XV-XVI (do Renacemento), mentres que as fachadas da igrexa (1636-1650, de Miguel Arias) e do mosteiro (XVIII, Francisco de Castro Canseco e Fr. Plácido Iglesias), os patios dos Cabaleiros e Medallóns, e a gran Escaleira de Honra, intermedia a ambos, coa impresionante biblioteca, son todas xa de estilo Barroco. O antigo arquivo baixo, o locutorio, o museo e o refectorio alto –este obra refeita: capiteis e un arco orixinais, o resto engadido polo mestre de obras do mosteiro frei - merecen visitarse.Na igrexa hai retablos do século XVIII con tallas escultóricas de Mateo de Prado (XII), no deambulatorio, e José Gambino (XIII), no cruceiro. O conxunto das pinturas murais de bóvedas e paredes son obra de José Maceira (XVIII), o de maior extensión do estilo Barroco en Galiza. As da cúpula con santos da Orde son anteriores. Na praza do Mosteiro, está o antigo seminario para o ensino dos vasallos, obra do século XVIII, e no lugar o antigo Hospicio, a Botica e as casas que foron do médico e do boticario do mosteiro. Na portería hai libros, licores, queixos, e artigos relixiosos para axuda económica da comunidade e satisfacer o turismo que ata aquí se achega, o segundo punto en importancia de toda a provincia, logo da cidade capital Hai hospedaría mixta con fins relixiosos. Actualmente non ten abade, senón Superior, situación provisoria.
|
|