Presentada unha tese sobre a arte do Mosteiro de Oseira.
Francisco Javier Limia Gardón levou a cabo ó longo de 20 anos a análise da proxección artística da abadía e dos seus prioratos en Galicia
Francisco Javier Limia Gardón (Cea, 1955) culminou onte na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela un camiño que percorreu case media vida. A meta foi o acto de lectura da súa monumental tese de doutoramento titulada La proyección artística de Monasterio Cisterciense de Santa María de Oseira [de Dom Fay Suero de Oca (1485-1512) a Dom Fray Santiago Sola (1832-1835), que recibíu a calificación de Sobresaínte Cum Laude
O adxectivo monumental é aplicable aquí por varios motivos, pola propia materia da obra, pola natureza diacrónica do seu estudo -desde finais do século XV ata o XIX– e polo tamaño do mesma, case mil páxinas de estudo. "É dunha tese á vella usanza", recoñeceu o autor.
Durante case vinte anos, Francisco Javier Limia, docente da UNED e do Ensino Medio en Ourense, realizou unha pormenorizada análise da proxección artística do Mosteiro de Oseira, do seu contorno e dos seus prioratos, "o que non se tiña feito", segundo el, así como de todos os prioratos que dependían dunha forma directa da Abadía de Oseira, como Moeche (A Coruña), Marín (Pontevedra), Aguada (Lugo) ou Júnias (Montalegre, Portugal). Trátase dunha investigación das estruturas arquitectónicas e escultóricas do mosteiro desde o século XVI realizado á luz do Cister como, por exemplo, as miradas sobre a sala capitular, ou o baldaquino realizado por un discípulo do mestre Andrade. A maioría das igrexas pertencentes a esta Abadía son agora parroquias que soportaron moitos cambios nas súas estructuras e na sua carga iconográfica. Limia Gardón sinala que o interesante sería agora "estudar o acontecido xusto despois de 1835 ata a actualidade", unha época, na que di "houbo moitos cambios". "Quizais nun futuro me ocupe do tema", engade. |