Chámome Juan Ángel Gil Dopazo, non son natural de Cea, pero tiven a sorte de vivir no pobo desde os 2 até os 10 anos de idade. Aqueles marabillosos anos !!!. Por iso desde entón sempre levo a Cea no meu corazón. Agora teño 41 anazos e resido no meu segundo pobo, Marín.
Marín é un municipio situado na beira meridional da Ría de Pontevedra na Comarca do Morrazo. Conta cunha poboación de máis de 26.000 habitantes e unha extensión de 35,9 quilómetros cadrados, formando un rectángulo case perfecto. A pesca é a súa actividade económica principal e en Marín atópase a Escola Naval Militar, que é o centro de formación dos futuros Oficiais da Armada Española.
O que seguramente moitos dos ceenses descoñecen é que hai case 900 anos, concretamente no ano 1112, a vila de Marín é doada por Raiña Dona Urraca deCastela ao cabaleiro Diego de Arias de Deza e á súa dona Sabina Díaz, como pr emio aos seus destacados servizos. Así mesmo engadíase xurisdición sobre practicamente toda a zona costeira da Ría de Pontevedra, zona do Morrazo até Marín e desde Sanxenxo até as Tranzoeiras de Aguiño.
Morta sen sucesión Sabina Díaz, o seu esposo tomou o hábito no Mosteiro de Santa María de Oseira en 1151. En tal circunstancia doa a vila de Marín e o seu Coto marítimo-terrestre ao mosteiro, ao cal queda ligado en calidade de priorado por un período de sete séculos. Hoxe en día, ambos os pobos conservan nos seus respectivos escudos os dous osos rampantes enfrontados a ambos os dous lados da árbore.
Pero non só do pobo de Marín quero falarvos, sen ón tamén dun dos seus montes, o monte Pituco ou Pornedo. Situado nun espazo pertencente aos Montes do Morrazo e catalogado como Espazo Protexido polas Directrices de Ordenación do Territorio. É unha área de enorme interese pola abundancia de petróglifos, pola que discorre a ruta arqueolóxica de "Os sete camiños", a cal constitúe desde antigo un nexo de unión entre o home e a natureza. Un espazo privilexiado que desde tempos inmemoriais conxugou de forma harmónica e racional a explotación do monte coa presenza de elementos patrimoniais.
Seguramente non é o monte nin máis grande, nin máis verde, nin máis bonito de Galicia pero a diferenza doutros montes nas súas pedras podemos observar as pegadas case indelebles deixadas polos nosos antepasados, as cales xunto coa natureza que as rodean atópanse ameazados pola posible construción dun polígono industrial. Ogallá que nunca se leve a cabo e podamos seguir conservando este espazo natural e os seus restos arqueolóxicos para as xeracións vindeiras.
|