Itinerario 6: San Facundo, Lamas, Longos y Fondo de Cea

Galego

Hai aínda outro itinerario no noso concello. Está en dirección suroeste, e accedemos a el pola estrada do Carballiño. Ten un predicamento singular por que nos dirixe ante todo ata os lugares do sur da parroquia de Cea, capital o concello, en torno ó cruce, terras baixas onde se concentraban os muíños tan necesarios para a produción do pantrigo nos fornos da vila. E ademais os conxuntos artísticos de San Facundo e de Longos, o antigo priorado de Oseira.

No lugar da igrexa está a parroquial, de advocación San Cristovo, santo propio dos lugares de paso. Era propiedade directa do Bispado o que explica a súa ubicación afastada da vila, que era control directo de Oseira. Ten unha nave, con testemuñas do estilo Románico no aleiro do N, inseridas na obra de fábrica do século XVIII.  No interior hai tres interesantes retablos, de estilo Barroco o maior e o da capela do Rosario, e o da Virxe das Dores, na nave, que é posterior. O cemiterio está separado, nas inmediacións, e ten no espazo central, a carón dunha palmeira -impropia árbore exótica para camposanto-, as monumentais esculturas dos catro Evanxelistas, obra sobranceira do mestre Antón Faílde presidindo os panteóns dos mecenas que llas encargaron a mediados do pasado século. Aquí están os restos do pintor Julio Tizón Diz (+1999), e do escritor Ángel Sevillano García (+ 1989), que dedicaron pinturas e libros, respectivamente á nosa terra. Nos lugares de A Lama e Fondo de Cea hai casas con interesantes galerías, e algún cruceiro.

Trala curva do pombal, onde hai tamén algún muíño, está San Facundo, importante lugar con notable igrexa románica datada en 1177, con portada principal que presenta dúas arquivoltas e decoración de taqueado xaqués, e inscrición fundacional no tímpano. Os canciños do texaroz e dos aleiros son variaos e de interese. A estreita porta sur sobre poderosas impostas ten unha curiosa pedra que ademais de facer de tímpano se prolonga ata os salmeres formando unha soa peza desde a que se dispoñen as dovelas do arco de medio punto de descarga. Cara o sur está o núcleo, con eira e cabaceiros, onde hai un bo peto das ánimas, do século XVIII. No colateral monte hai un castro cristianizado, onde a tradición sitúa o martirio dos santos Facundo e Primitivo. En Ariz hai un cruceiro e eira con hórreos.

Nunha cota inferior, cara o N, discorre, paralela á estrada en moitos tramos, o antigo e histórico camiño que desde a Abadía de Oseira pasaba por Cea e comunicaba coas outras posesións súas en Arcos, o Carballiño, e Señorín e Partovia, xa en dirección ó Ribeiro. No Marañao está a ponte medieval reconstruída na idade moderna, a carón da ermida de San Bieito, con importante romaría a comezos do verán. O escudo daquel mosteiro indica a antiga posesión á que pertencía, preto de San Martiño de Lamas. A súa igrexa é de 1729, con heráldica cisterciense no exterior (de Oseira e da Congregación de Castela). No retablo destaca a estatua gótica do patrón e no exterior, no estremo da explanada, hai un cruceiro con mesa ou pousadoiro. Algo máis lonxe está a parroquia de Santa Olalla de Longos, o centro do antigo Priorado do mosteiro de Oseira, polo que é aquí onde está a casa dos monxes, xa moi desfeita por debaixo da igrexa, cercada por outa tapia, obra do século XVIII. A igrexa é da mesma centuria, obra de 1798, con fachada barroca na que loce o escudo monástico. No interior ten retablo de estilo rococó. Por trás hai un interesante pombal cadrado, e do outro lado do camiño unha eira con hórreos.

Textos sacados de "Do gran ao Pan" de Xabier Límia de Gardón

Hórreos en Lamas Escudo de Oseira na Igrexa de Lamas San Facundo

Igrexa de San Facundo Santa Eulalia de Longos

© As fotos son propiedade de www.concellodecea.com, e queda prohibida a súa reproducción total ou parcial sen autorización expresa dos propietarios.

Para ampliar as imaxes preme sobre elas

Webstats4U - Web site estadsticas gratuito El contador para sitios web particulares